Convócanse as eleccións ao Parlamento de Galiza para o 12 de xullo, cando aínda non rematou unha gravísima crise sanitaria. E fano sen as debidas garantías para a saúde de quen vaia votar ou atender as urnas. Así o decidiu o PP, e así llo consentiron as demais forzas parlamentarias, demostrando o que valen para todos eles a “democracia” e a saúde do pobo.
A xestión da pandemia polo Goberno PSOE/UP-PODEMOS e a Xunta do PP provocou a morte de máis de 600 galegas e galegos, vítimas dos recortes e a criminal privatización da sanidade pública e dos coidados dos maiores.
Máis do 30% da poboación activa de Galiza está desempregada. Máis de 400.000 traballadoras e traballadores están no paro ou afectados por un ERTE. Logo de tres meses de medidas económicas que, segundo a ministra de traballo, “non ían deixar ninguén atrás”, milleiros de traballadores en ERTEs de forza maior, seguen sen cobrar un can, non perciben o que lles corresponde e non saben cando recuperarán os ingresos perdidos.
Mentres anunciaban por televisión, “prohibido despedir”, milleiros de traballadores e traballadoras galegas, sobre todo mozos e mozas, ficaban sen os seus empregos eventuais ou nas ETT, dun día para outro, e sen dereito a nada. Prohibido despedir? Que llo digan aos de Alcoa e auxiliares en San Cibrao, ou aos de Malasa en Ferrolterra, ou aos de centos de empresas que anuncian peches e EREs por toda Galiza.
Estamos ante unha nova crise cíclica do capitalismo que a pandemia do COVID-19 acelerou, pero que xa se anunciaba nos meses anteriores. Crise que aproveitarán para intentar impoñer novos sacrificios á clase traballadora, para que os ricos sexan aínda máis ricos, agora en nome da “reconstrución” da economía.
Aquí, durante tres mandatos o executivo do PP xestionou os negocios das grandes empresas a costa das necesidades básicas dos traballadores galegos. Recortes continuados na educación, na sanidade, e nos servizos sociais liquidaron milleiros de empregos e aumentaron a precariedade e a pobreza do noso pobo. As privatizacións dos servizos públicos e a permanente enxurrada de cartos cara aos petos do empresariado engordaron as fortunas dos máis ricos, mentres medraba a desatención das necesidades populares. Núñez Feijóo e o PP, sempre atentos a servir os seus amos, e cumprir os mandatos da UE, seguiron destruíndo os sectores produtivos de Galiza, tanto na industria, como no agro ou no mar.
A clase obreira e os sectores populares necesitan un programa e unha organización política propia. Un programa e un Partido Comunista para avanzar na recuperación dos dereitos arrebatados e na conquista de novos dereitos sociais, económicos, políticos e culturais, polo pleno emprego, pola soberanía industrial, enerxética e agraria do país, pola ruptura coas estruturas e alianzas imperialistas internacionais, económicas, políticas e militares.
-
Polos nosos dereitos laborais.
-
Por uns servizos públicos para o noso benestar e non para enriquecer as grandes empresas.
-
Por unha vivenda digna.
-
Pola recuperación da produción, do agro e a industria.
-
Para que o noso país non siga a baleirarse.
-
Pola nacionalización dos sectores estratéxicos da economía.
-
Por unha economía planificada para satisfacer as necesidades do pobo traballador.
-
Polo poder para quen producimos toda a riqueza e aseguramos co noso traballo todos os servizos.
Porque só o pobo salva o pobo, para construír unha Galiza para a clase obreira:
Vota Partido Comunista dos Traballadores da Galiza.