Desde o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG) e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) saudamos e apoiamos a loita dos traballadores/as das subcontratas de R Cable diante da perda de 20 empregos en COMFICA que ata agora prestaba servizos a R na provincia da Coruña.
Esta perda en COMFICA ameaza con converterse na destrución de 500 postos de traballo na Galiza, como resultado da compra por Euskaltel no 2015 e a externalización do mantemento á multinacional chinesa ZTE, sen subrogación do persoal á nova adxudicataria.
Non é só o servizo de mantemento (na súa inmensa maioría subcontratado) o que está en perigo: outros servizos como enxeñería, desenvolvemento e atención telefónica serán levados por Euskaltel fóra da Galiza. O grupo Zegona (fondo de investimento transnacional), que é quen controla a matriz vasca, vén de anunciar 25 despedimentos dentro do grupo, dos cales alomenos 20 serán en R.
A patronal abarata a forza de traballo ata extremos de semiescravitude, precarizando o mercado de traballo a través de contratos de menos dunha semana, parcializando a xornada e utilizando traballadores “autónomos” economicamente dependentes, liquidando a negociación colectiva e o Dereito do Traballo, subcontratando, externalizando, sobreexplotando e despedindo na procura do máximo beneficio. Non lles importa destruír o emprego e as condicións de vida de 500 familias traballadoras, con tal de aumentar os seus lucros.
Chamamos á unidade de todas as contratas e a contrata principal nas folgas e mobilizacións convocadas polo Comité de Empresa de COMFICA para os días 24, 30 e 31 de Xullo.
Chamamos a toda a clase obreira e o pobo traballador a apoiar e solidarizarse cos/as despedidos/as e a loitar unidos para parar a destrución de postos de traballo na provincia da Coruña.
Unid@s somos fortes.
Non aos despedimentos en R Cable e contratas.
Por un país para a clase obreira!
PARTIDO COMUNISTA DOS TRABALLADORES DA GALIZA
COLECTIVOS DA MOCIDADE COMUNISTA