Miles de traballadores da Mariña lucense, acompañando os obreiros da factoría de Alcoa en San Cibrao e das súas auxiliares, culminaron onte varias xornadas de accións, cortando a A-8 en Ribadeo en protesta contra os despedimentos pola multinacional que está deixando morrer a actividade en varios departamentos da fábrica. Son 534 traballadores do aluminio despedidos aos que se lle suman outros 250 das empresas auxiliares, nunha actividade industrial que é fundamental na comarca e representa máis do 30 % do PIB da provincia de Lugo.
Desde o Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza queremos expresar o noso decidido apoio e solidariedade á loita dos obreiros de Alcoa e auxiliares, ás súas organizacións sindicais de clase, e ao conxunto do pobo traballador da comarca, que se xoga a supervivencia de milleiros de familias.
Denunciamos a estratexia de Alcoa consistente en ir liquidando por partes a súa actividade produtiva para dificultar a resistencia dos traballadores, ao desprenderse primeiro das factorías de Coruña e Avilés, e agora cargarse progresivamente a de San Cibrao. Os obreiros de Alu Ibérica (exAlcoa) poden ver como os gobernos e as empresas os estiveron mareando durante dous anos, para verse hoxe vendidos por Parter ao Grupo Riesgo. Todos puros delincuentes de traxe e garabata!! Xa en 2018, denunciabamos nun comunicado: “Non o dubidemos, mañá, a infinita ansia de lucro do Capital xustificará tamén a eliminación dos máis de mil empregos de San Cibrao”. Lamentablemente, xa estamos niso.
Desde a privatización da empresa INESPAL (mediante a súa venda a ALCOA por 370 millóns de euros) en 1998, a multinacional norteamericana extraeu beneficios directos da explotación da clase obreira, e indirectos das subvencións públicas dos gobernos centrais e autonómicos. Subsidios no prezo da electricidade, axudas fiscais de todo tipo, en resumo, miles de millóns de euros saídos do peto dos traballadores para engrosar directamente as contas bancarias dos accionistas de Alcoa.
Confrontado hoxe a unha crise de sobreprodución, que non é causada pola pandemia, senón polo seu afán de lucro, o Capital pretende que a clase obreira, que todo o produce co seu traballo, pague os pratos rotos. Aproveitando a situación de debilidade creada pola emerxencia sanitaria e as limitacións físicas propias do Estado de Alarma, a patronal trata de impoñer máis precariedade laboral, peores condicións de traballo e salarios máis baixos. A destrución do emprego industrial responde a esa intención. O goberno socialdemócrata da coalición PSOE-UP/Podemos e a Xunta do PP asubían mirando para outro lado, mentres a ministra repite sen rubor: prohibido despedir.
A clase obreira non debe consentir este novo paso no proceso de desertización industrial da Galiza. Mentres a clase obreira non tome o control do que é seu, non haberá solución definitiva para os traballadores. Debemos, desde xa, reclamar o que é noso, porque foi construído co noso traballo, para deixar de ser vítimas dos caprichos do capital.
Esiximos a nacionalización de ALCOA e de ALU IBÉRICA baixo control obreiro, porque son partes dunha mesma loita en defensa do emprego industrial. Esiximos así mesmo a nacionalización do sector enerxético e de todos os sectores estratéxicos. A enerxía que emprega o sistema produtivo, do que dependen o progreso e o desenvolvemento social, non pode estar nas mans dos intereses do capital privado.
O PCTG chama o conxunto da clase obreira e do pobo traballador galego a defender a permanencia das industrias e dos postos de traballo que deben asegurar un futuro económico e produtivo en Galiza.
Chamamos a prestar a máxima solidariedade á loita dos traballadores de ALCOA, das auxiliares e de ALU IBÉRICA que, defendendo o seu emprego, defenden o noso porvir.
Chamamos a apoiar as mobilizacións e manifestacións previstas nos días vindeiros para esixir: ALCOA NON SE PECHA!! DESPIDOS NON!!
ALCOA NON SE PECHA !!
REINDUSTRIALIZACIÓN !!
NACIONALIZACIÓN E CONTROL OBREIRO !!
Galiza para a clase obreira!
Galiza, 1 de xuño 2020.
Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG)